viernes, 19 de octubre de 2012

ELECCIÓNS

Xa pasaron catro anos. E pasaron case sen decatarnos. Chega a súa fin unha nova campaña electoral. O domingo 21 de outubro, os galegos van decidir quen gobernará os próximos catro anos. Quizabeis, vendo a que esta a caer no resto do Estado, e pola Unión Europea, estas eleccións teñen case un carácter histórico. Son moi importantes. Xa non so é unha frase feita; é a auténtica realidade.

As políticas de "austeridade" impostas dende Fráncfort, e prolongadas polos gobernos do PP nas diferentes administracións amósanse inxustas e incapaces de aplacar os problemas dunha crise que nos suman nunha terríbel incertidume. Quizabeis ise sexa o meirande problema da nosa xeración. A incertidume coa que vivimos o día a día. Ollar cara o futuro provoca arrepíos.

Quizabeis por iso estas eleccións poidan ter un carácter histórico. É importante exercer con responsabilidade un dereito da cidadanía tantas voltas violentado polos representantes públicos. Ise periodo de eleccións que son vistos coma mocións de confianza pros gobernantes. Por iso hai que ir máis aló, reivindicar a voz do pobo, da xente traballadora que é o meirande activo do noso país.

Así, como actual rexente da Xunta de Galicia, preséntase Nuñez Feijoó, representante galego disa austeridade, do control do gasto público e das políticas liberalizadoras que tanto dano están facendo. O seu caballo de batalla, son as súas contas públicas. Segundo os resultados autonómicos, as millores de todo o Estado. Unhas contas postas en dúbida pola oposición, e polo propio Consello de Contas.

Ao PSOE colleuno o adianto das eleccións cos pantalóns baixados. Sen dúbida, o seu candidato non ía ser Pachi Vázquez, e iso nótase na posta en escena. Pelexaban dous ex-ministros coma aspirantes á presidencia: José Blanco e Francisco Caamaño. Como non dou tempo a organizalas consultas dentro do partido, quedáronse co que había. Inda así, Pachi loita contra o seu destino, pero a negra sombra proxectada dende Madrid afúndeo coma o vello petroleiro. É a crónica dun naufraxio anunciado.

Francisco Jorquera preséntase por un BNG aberto en canal e cunha clara guerra civil que afecta aos seus cimentos. É un edificio con perigo de derrubo. Deputado no Congreso, foi unha das "señorías" mais activas nos últimos anos, inda que con pouca relevancia. Fixo un bo traballo en Madrid, pero quizabeis a súa equipa non sexa a millor. A división na esquerda galega vaille pasar factura polo aumento do desencanto nunha opción política que enchen outras formacións.

Xose Manuel Beiras voltou dende o esquencemento á primeira plana pra organizar a tódolos desecantados do nazonalismo ao redor dun partido. Conseguiu formar un bloque de esquerdas, AGE, xunto con Esquerda Unida, Equo e Anova, principalmente, pra tentar dar pulo a unhas políticas que xa case non existen en Europa. Un traballo duro organizar todo o aparello dun partido en tan poucos meses. Moitos dubidan do que poida ofrir un Beiras polo que pasaron os anos. O certo é que, segundo as encuestas, entrará no parlamento, rachando isa dominación dos grandes partidos da Galiza.

O resto de candidatos nen tan sequera son alternativas serias. Mario Conde é tema de mofas nas tertulias políticas. O seu partido, Sociedad Civil y Democracia (SCD), non terá nengunha incidencia. José Canedo, de UPD, tampouco aporta nada novo ao panorama político actual. O partido de Rosa Díez rozará o ridículo, seguramente.

Nas eleccións do domingo, gañará o descontento. A sensación de abandono da cidadanía por parte das Institucións Públicas, fará estragos nos resultados electorais. O absentismo será unha das forzas máis predominantes. O cansanzo da xente cos seus políticos será máis decisivo que calquer programa de partido. O sistema está en completa decadencia. Por moi históricas e importantes que sexan, as eleccións son un claro exemplo diste feito.

1 comentario:

  1. Enhorabuena, volvió a ganar el PP na Galizia! Otros 4 años de pandeiretas!

    ResponderEliminar