martes, 30 de octubre de 2012

Conversa interxeracional

O vello prendeu outro pito. Levaba fumado nunha hora xa medio paquete.
- Neno, a partires de aquí, as cousas vanse por inda máis feas.

Asentín coa testa, e paguei a miña frustración rematando coa cervexa dun so grolo. Tiña demasiada razón. eu, pola contra representaba un deses arquetipos sociais: trinta anos recén cumpridos, con estudos universitarios, e membro habitual das listas de desempregados. Sen oficio nen beneficio.
O vello rematou o cigarro e botou a cabicha no borralleiro. Pediu un viño e outra cervexa.
- E vós, os xóvenes, téndelo moi negro. Moito pior que cando eu era novo.
- Xa-, aquel home tiña toda a razón do mundo. Non se podía negala evidencia.

A miña perspectiva laboral reducíase a dous días; o mércores e xoves que ven nunha empresa colocando mazás en caixas de madeira. Nada máis. Pequenos traballos de EET pra ir pagando o alugueiro.

O vello mantiña o seu descurso perimista. A camareira ollábame con pena, e sorríame. Eu somentes asentía, e respostáballe cando resultaba indispensábel pra conversa.

Logo dun par de viños, coa faciana máis envermellada, o vello despediuse cunha palmada nas costas, e marchou do bar.
- Voume cunha muller casada, hehe- berrou rindo a cachón, dende a saída.

A rapaza trala barra sorrimos. Aproveitei pra pedir outra cervexa.

Non tiña nada que facer, e non quería voltar á miña casa baleira. Quedara un pouco tocado coa conversa. Algo removérase nas profundidades do meu ser. Ao final so unha era a conclusión:
Non adoito matinar moito na miña situación  actual, non decatarme así do meu fracaso, da miña propia inutilidade.

miércoles, 24 de octubre de 2012

RESULTADO ELEITORAL


Pérdese a espranza,
a morte sobrevoa por urxencias,
a tarde do sábado adicado
aos tráficos, ás tentativas de suicidio,
o mundo fica totalmente enfermo,
as perspectivas dilúense e por diante
unha molesta campaña electoral
que me demostra que non ten sentido,
a nosa capacidade de decisión esquéncese
perante os intereses empresariais,
os políticos son brazos executadores
de reformas inxustas en prol do Mercado,
sei que non atoparán solucións
porque por riba fican as multinacionais,
cos seus monstrosos beneficios económicos, 

pisoteando tódalas convencións de dereitos humáns.

E nista poza do sistema tan maltratada, 
onde as liñas da vida difuminanse
e a morte entra sen avisar en escena, 

niste maldito servizo de urxencias
nos que o sofrimento é un prato principal, 
maldecindo ises suxos gobernantes
que non escoitan a miña voz,
a de tódolos enfermos que solicitan ao unísono 

axuda dun Estado que reiteradamente lla nega,
que se xustifican con supostos intereses nacionais, 
somentes preocupados polo resultado eleitoral. 

viernes, 19 de octubre de 2012

ELECCIÓNS

Xa pasaron catro anos. E pasaron case sen decatarnos. Chega a súa fin unha nova campaña electoral. O domingo 21 de outubro, os galegos van decidir quen gobernará os próximos catro anos. Quizabeis, vendo a que esta a caer no resto do Estado, e pola Unión Europea, estas eleccións teñen case un carácter histórico. Son moi importantes. Xa non so é unha frase feita; é a auténtica realidade.

As políticas de "austeridade" impostas dende Fráncfort, e prolongadas polos gobernos do PP nas diferentes administracións amósanse inxustas e incapaces de aplacar os problemas dunha crise que nos suman nunha terríbel incertidume. Quizabeis ise sexa o meirande problema da nosa xeración. A incertidume coa que vivimos o día a día. Ollar cara o futuro provoca arrepíos.

Quizabeis por iso estas eleccións poidan ter un carácter histórico. É importante exercer con responsabilidade un dereito da cidadanía tantas voltas violentado polos representantes públicos. Ise periodo de eleccións que son vistos coma mocións de confianza pros gobernantes. Por iso hai que ir máis aló, reivindicar a voz do pobo, da xente traballadora que é o meirande activo do noso país.

Así, como actual rexente da Xunta de Galicia, preséntase Nuñez Feijoó, representante galego disa austeridade, do control do gasto público e das políticas liberalizadoras que tanto dano están facendo. O seu caballo de batalla, son as súas contas públicas. Segundo os resultados autonómicos, as millores de todo o Estado. Unhas contas postas en dúbida pola oposición, e polo propio Consello de Contas.

Ao PSOE colleuno o adianto das eleccións cos pantalóns baixados. Sen dúbida, o seu candidato non ía ser Pachi Vázquez, e iso nótase na posta en escena. Pelexaban dous ex-ministros coma aspirantes á presidencia: José Blanco e Francisco Caamaño. Como non dou tempo a organizalas consultas dentro do partido, quedáronse co que había. Inda así, Pachi loita contra o seu destino, pero a negra sombra proxectada dende Madrid afúndeo coma o vello petroleiro. É a crónica dun naufraxio anunciado.

Francisco Jorquera preséntase por un BNG aberto en canal e cunha clara guerra civil que afecta aos seus cimentos. É un edificio con perigo de derrubo. Deputado no Congreso, foi unha das "señorías" mais activas nos últimos anos, inda que con pouca relevancia. Fixo un bo traballo en Madrid, pero quizabeis a súa equipa non sexa a millor. A división na esquerda galega vaille pasar factura polo aumento do desencanto nunha opción política que enchen outras formacións.

Xose Manuel Beiras voltou dende o esquencemento á primeira plana pra organizar a tódolos desecantados do nazonalismo ao redor dun partido. Conseguiu formar un bloque de esquerdas, AGE, xunto con Esquerda Unida, Equo e Anova, principalmente, pra tentar dar pulo a unhas políticas que xa case non existen en Europa. Un traballo duro organizar todo o aparello dun partido en tan poucos meses. Moitos dubidan do que poida ofrir un Beiras polo que pasaron os anos. O certo é que, segundo as encuestas, entrará no parlamento, rachando isa dominación dos grandes partidos da Galiza.

O resto de candidatos nen tan sequera son alternativas serias. Mario Conde é tema de mofas nas tertulias políticas. O seu partido, Sociedad Civil y Democracia (SCD), non terá nengunha incidencia. José Canedo, de UPD, tampouco aporta nada novo ao panorama político actual. O partido de Rosa Díez rozará o ridículo, seguramente.

Nas eleccións do domingo, gañará o descontento. A sensación de abandono da cidadanía por parte das Institucións Públicas, fará estragos nos resultados electorais. O absentismo será unha das forzas máis predominantes. O cansanzo da xente cos seus políticos será máis decisivo que calquer programa de partido. O sistema está en completa decadencia. Por moi históricas e importantes que sexan, as eleccións son un claro exemplo diste feito.

jueves, 18 de octubre de 2012

SECCION INTERNACIONAL

Exercicio de liberdade,
sentado no balcón
agarimando unha cervexa baleira,
ronroneando o corazón,
coas estrelas siandeiras
ollando cara un devalar
que achegará novas frescas
dense calquer punto da Terra,
voces ceives que hoxe
viaxan entre profundos silenzos:
oio os berros dende Siria,
o son das balas en Serra Leona,
podo escoitala guerra
espallada por todo o planeta,
a violenza fixando posicións,
o frío movemento de bandeiras.

Unha traxedia global
que pasa sen chamar
polla túa sección internacional.

POLITICOS

Na última encuesta presentada polo CIS concluíase que os cidadáns senten aos políticos non coma solución, senón coma parte do problema. Isto, xunto co auto do xuiz Pedraz, da Audiencia Nacional, na que xustificaba a indignación da poboación pola "decadencia da clase política", provocou sorpresa e unha corrente de comentarios ao respecto. Tomou o ambiente de bares e oficinas, e ata nos corredores do Congreso.

A corrupción, tan masiva nos últimos anos, a sensación de impunidade coa que actúan, os excesos cometidos no pasados, e máis agora no presente, namentras lle piden á población responsabilidade e tranquilidade ante o apertamento do cinto. Dotacións de policías nacionais pra vixiar casas particulares, movilización de coches oficiais par acodir á cita coa perruquería, curmáns ocupando altos cargos do Estado, costosas campañas electorais nas que métese todo como gastos de campaña... E ademáis dios, o portátil e a tablet que recibe cada Deputado, xunto con conexión a Internet nas súas casas particolares, os gastos en dietas e representación. E todo iso bailo un clima de recortes e represión económica. Esíxenlle aso cidadáns algo que logo iles mesmos non cumplen. Os xornais están cheos de casos de corrupción que emporcan as fileiras de tódolos partidos. Sen excepción.

Todo isto tennos que levar a unha reflexión: ¿Son tan malos os políticos?, ¿por que se comportan dise xeito?. Agora so toca ceivala testa, e examinalas conciencias.

Os políticos non son un problema, mais ben unha consecuencia. Nunha sociedade na que prima a mediocridad, non pode facer máis ca crear individuos mediocres. E inda que ás veces non o pareza, os políticos son parte da sociedade. Polo tanto, formaranse políticos mediocres incapaces, e convértense así nun problema en tempos compricados. E non tan compricados.

A excelencia, a superación do home pra chegar ao superhome de Nietzsche, fican moi atrás. Son soños dun pasado esquencido. A crise económica, as diferentes reformas educativas baixo o prisma de caducas ideoloxías, fixeron que hoxe non sexamos quen de lembrar nada. Convertéronnos nuns escravos de capital afeitos ao que nos boten. A crítica está hoxe perseguida, censurada. É un inimigo ao  que se combate con reformas do Código Penal.

Chegados a iste punto, a istas alturas da historia, so fica reflexionar, matinar sobre o camiño percorrido, e inda máis importante, sobre o que nos queda por percorrer. Debemos analizalos feitos fríamente, achegarse á conclusión. Os políticos non son o problema, son a consecuencia.

miércoles, 10 de octubre de 2012

OEN, MAIS NON ESCOITAN

Hoxe respírase un descontento xeral na poboación. Os sucesos acontecidos en Madrid nos derradeiros días son boa proba dilo. Xente de tódalas idades saíron á rúa baixo o lema "Rodea el Congreso" a amosalo seu rexeitamento ás medidas adoptadas polo Goberno Central. Hai hoxe unha gran crise de confianza nos políticos, meirande ca desconfianza dos especuladores na nosa economía. Moita xente coñece xa de primeira mao cos "representantes do pobo" son incapaces de enfrontar unha crise económica que almorza as economías das primeiras potencias.

A resposta firme no goberno, ante as protestas, secundadas tamén noutras cidades no Estado, foi blindalas zonas circundantes do Congreso con 1800 policías. Lonxe das actuacións policiais, que merecen un tema aparte, fíxose patente cos políticos sepáranse inda máis dos cidadáns. A soberanía do pobo, a xustificación dos seus cargos públicos e do propio sistema dilúense ante as súas accións.

Oen, máis non escoitan. Saben que a xente berra nas rúas, pero non lle chegan o contido das súas verbas, Non modifican nada. Continúan impoñendo políticas sectarias basadas en duros recortes (reformas segundo a dereita) económicos. Aplastan ao cidadán pra cumprilos acordos con Europa e os grandes poderes. Reciben aplausos en Francfort, Bruselas e Berlín, namentres o pobo desángrase. Un pobo que se indigna, un pobo que reclama outro xeito de proceder, unha democracia máis real e participativa, unhas políticas sociais menos inxustas e máis centradas nos individuos, e non nos bancos e grandes empresas. Iles fanse os xordos e ollan cara outro lado. Desprezan isa suposta soberanía dun pobo que pide que dunha volta os escoiten. Pero o Goberno xamais o fai.